Muiñeira da Baiuca
sábado, 05 de xaneiro de 2008 16:24
Leonardo Corral foi o primeiro mestre de gaita que houbo en Xiradela, cando o local aínda estaba na Rúa Independencia. Xa choveu dende aquela... Había unhas cantas mestras de baile, e unha tal Mercedes Peón daba clase de pandeireta. Naqueles tempos Jose o de Rozas estreara un Renault Fuego....
[...] E aló fun eu, cos meus seis anos e as miñas patillas en potencia:
-Don Leonardo, quero tocala muiñeira de Chantada.
-Sácateme d´aí... -respondeu el- A de Chantada tócaa calquera. Queres aprender a muiñeira da Baiuca, que aínda non a sabe ninguén?
E eu asentín, camelado pola novidade que supuña tocar unha peza autóctona. Chantada quedaba un pouco a desmán. [...]
A muiñeira da Baiuca compuxoa o propio Leonardo para os seus alumnos de Arteixo. El era natural de Portomarín, na provincia de Lugo, pero casara cunha moza de Morás, e vivían na Coruña. Tiñan unha zapatería na calle Borrallón, nos Mallos. A zapatería era a tempo parcial, pois el vivía de tocala gaita. Algún ano chegou a dar máis de cen alboradas. Non vos dixen do grupo: eran "os Cinco de Galicia". A principios dos anos setenta na Coruña había tres cuartetos: os Matos, os Tempranos de Eirís e os Brisas. Antes de que surxisen "os Cinco", Leonardo xa tocara moito con Xosé Cardelle e cos seus respectivos fillos, Luis e Lois (este Lois Corral tamén merece unha mención. Será noutra hora.)
Eu soubeno despois do seu falecemento, pero a Leonardo alcumábano "o Pequeno". Sendo políticamente correctos, diríamos que era xeitoso. Andaba sempre moi arreglado, con brillantina no pelo, e lucía por bigote unha liña moi ben aqueloutrada. Calzaba botín con un pouco de tacón, e tiña un Seat 127 verde cunha pegatina de "Galicia" atrás.
Tocaba moi ben, e as pezas lucíanlle polo bo gusto. Hoxendía non está de moda o bo gusto. Actualmente lévase o virtuosismo gratuito, e o "veña-dedos-pra-riba-pra-baixo". Leonardo non utilizaba máis adornos dos necesarios, e el sabía que o lucimento consistía en facer bailar á xente, ou en que a peza se entendese ben, e non en dar tropecentas notas por minuto.
Na praza do Padre Rubinos, alí perto da calle Borrallón hai unha placa na súa memoria. El, aquí en Arteixo deixou a súa pegada no recordo de moitisma xente.
Os que non sabiades del, alomenos podedes sacar en limpo que a Baiuca ten unha muiñeira, e ben chusquiña por certo.
Santos Inocentes, Bosnia e a humildade.
xoves, 27 de decembro de 2007 16:41
Pois mañá é o día dos Santos Inocentes, e para moitos, o primeiro que ven á cabeza é que hai que andar con tino, se temos amistades refeixeiras. O verdadeiro significado desta data ten relación coa indiscriminado infanticidio que aló polo ano cero ordenou Herodes. E ollo, que ninguén me malinterprete, se sinalo este dato. Non quixera eu desterrar as "inocentadas" e falcatruadas propias deste día...
O caso é que lembraba eu este feito namentres ollaba a foto de arriba. Esta instantánea mandouma o meu amigo Vicente dende Mostar, en Bosnia. Foi un día de xuño no que 600 soldados españois regresaban á casa coa sensación do traballo ben feito. Doce anos levaba alí, e na súa última foto quería retratar aos Inocentes: un grupiño de nenos que veñen da escola. Case sen querer, deixou tamén constancia da sensación de retirada.
...Esta cidade sempre foi un polvorín, pero non estoupou ata o conflicto bélico dos anos noventa. Ao longo de moitos séculos conviviron distintas comunidades étnicas, culturais e relixiosas. Un dos símbolos da cidade, e tamén desta unión é a "Vella Ponte" (Stary Most). Durante a guerra foi destruido, e con implicación e traballo por parte de tódolos colectivos afectados reconstruíuse, sendo considerado hoxendía todo un exemplo do que pode ser a cooperación internacional...Dicía Vicente que dende a Vella Ponte os rapazolos arroutados fan o salto do anxo para zambullirse nas augas do purificador río Neretva. No medio destas informacións e lerias Herzegovinianas, á altura dunhas navidades (debe de haber catro ou cinco anos...), Vicente mandoume este retrinco co que eu aproveito para desexarlle un bo nadal a todos vos, que orellades:
[...] A ti que tanto che gustan estas cousas de santos, prestarache ben o que antonte souben. Unha parroquia de impronunciable nome, aquí preto de Mostar, ten o patrocinio da Nosa Señora da Asunción. Pois ben, No altar maior conservan unha reliquia ben curiosa. Trátase dun paxariño que Xesús Cristo modelou de neno. É un xílgaro de barro vermello de Nazaret, cun pico puntiagudo, e cunhas ás que mesmo parece que queren bater. Pero o simpático do asunto é que o paxariño pode cantar: só é preciso que teña preto un oído inocente e humilde. Na noitiña de Nadal, os nenos da parroquia van á igrexa a escoitar ó xílgaro...con toda a humildade a flor de pel [...]
Arteixo de Lenda (...e II). O home da sauna.
luns, 24 de decembro de 2007 0:08
Pois xa pasaron dous meses dende o último retrinco... pero tranquilos, que estou ben. Quero dicir que agora estou ben, porque tiven que pasar un peculiar calvario de corenta e cinco días, que a ninguén lle desexo. E todo polas miñas ansias investigatorias, que me levaron a meterme no ollo do furacán, sen calibrar as consecuencias.
Como ben saberedes, a piscina municipal e algo máis que un edificio con auga, cloro e flotadores. Dende hai dez anos, arredor da piscina teceuse un entramado de relacións sociais e humanas, que xa dan pé a que se fale de viva voz da súa ampliación, ou de facer outra por terras meicendesas. Quero dicir que existe en Arteixo o que un meu amigo definiu como "cultura de piscina".
Cando eu estudiaba bacharelato no Instituto, ninguén imaxinaba que enfrente se construiría unha piscina. Arredor dese terreo brañento había daquela unha lenda urbana que falaba de lagartos como cocodrilos, e de tartarugas mutantes. Si, si...alí, no medio dos brozos. Cando un balón de futbol caía no medio daquela basta e húmida vexetación ninguén daba un paso ao frente para ilo buscar. Facíamos un bote, e íamos a Deportes Gido a mercar outro.
Evidentemente, cando as palas achanzaron o terreno e comenzaron a levantar a obra, desapareceron dun só golpe todas estas lendas. Pero apareceron outras. E o que teñen os tempos nos que vivimos. Os contos de sempre non desaparecen: transfórmanse; adaptándose aos tempos.
A mediados de outubro fun a piscina a primeiriña hora da mañá, na procura dun mito: o home da sauna.
Xa hai catro ou cinco anos que eu escoitei as lerias dun trasno que, convertido en orondo patrón, aparecía polas mañás na sauna masculina. Pasoulle a dous cursillistas, que a media mañán entraron na sauna, e corenta e cinco minutos despois foron atopados por outro usuario, que os cachou...durmindo!!!. Todo o mundo dou por feito que lles dou a soneca, e que se foron quedando, e que menos mal que os viron a tempo. Pero eles falaban dun terceiro, ao que ninguén vira.
E aló fun eu: á busca dun trasno que me axudase a armar un conto de patacón. O primeiro día estiven quince minutos na sauna e coincidín con dous veciños que deron os buenos días, e nada máis. O segundo xa só coincidín con un deles, e aguantei a media hora. E o terceiro día...
O terceiro día entrei nas inatalacións de segundo, xusto despois do conserxe. Guindei a roupa na taquilla, e molleime o xusto. Abrín a porta da sauna...e dentro había un señor.
-Bos días...- Iso dixen eu, pero en realidade pensaba: "e este ghicho tan sospeitoso por donde carallo entrou?".
-Ponte cómodo, que ben collemos.- Respondeu el, con un tono amable.
Nada máis sentarme comenzou o intercambio de tópicos. Que se vai frio, que se aquí dentro estase moi ben, que a sauna é moi boa para os narices....e pouco a pouco a conversación foi indo do xeneral ao específico... do supérfluo ao concreto... do macro ao micro: que se vivir da gaita costa, que se estou pendiente de operarme dunha hernia fiscal... e pouco a pouco fun sabendo, que este señor non era ningún trasno, senón que era do Foxo, e que estivera na mercante moitos anos, e que o xubilaran anticipadamente cunha boa paga. Entón dinme conta de que eu só asentía os seus comentarios, namentres el falaba, e falaba parsimoniosamente...e a min pesábanme os párpados...e tiña sono...
Pero reaccionei a tempo: decateime de que o bo do home mantiña sempre o mesmo tono do voz. Falaba en si bemol, que é o tono propio dos hipnotizadores. Lembrei que Tony Kamo o contou un día no Luar. E aqui foi onde eu pensei "polos clavos de Cristo que ti non me durmes como durmiches aos outros..."
E eu seguín asentindo ás súas lerias, pero cos ollos ben abertos, e utilizando algo máis que monosílabos. Falamos do Depor de Bebeto e Mauro, do Madrid de Michel e Butragueño, e ata do Peñarol de Lañas de Rizo e Tivo...tamén nestas eu lembrei que teño pendientes aquí unhas lerias sobre o tema futboleiro en Arteixo.
E puiden controlar o sono, pero non a deshidratación. Chegou un momento que lle dixen:
-Eu vou sair, que por hoxe xa me chegou...-. El asentiu sen dicir nada.
Despois da ducha de rigor e dun aquarius, vestínme, botei gomina nas patillas, e saín da piscina cunha fame loca. Mirei o reloxio....
....eran as seis da tarde...
E foi ó chegar á casa e ver á miña dona agardándome cunha zapatilla na man cando me dín conta do peor do asunto. Eu marchara para a piscina un día de outubro ás sete da mañán. E voltei a casa ás seis da tarde do dezaoito de decembro. A zapatilla da parienta amenazábame:
- E logo ti? -estaba moi cabreada- Seica te abduciron??
Eu aínda non asumira o que me pasara, e respondinlle:
-Efectivamente....
Arteixo de Lenda: o Home da Capa
mércores, 17 de outubro de 2007 0:48
O vindeiro fin de semana celebramos en Arteixo a VIII edición da Feira Histórica. Disque este ano leva como subtítulo algo así como "Arteixo de Lenda". Pois este detalle o aproveito eu para recuperar algunha que outra leria que anda medio agochada polos recunchos da memoria.
Escoitáchedes falar do Home da Capa?
Debeu de ser aló polo ano das olimpiadas de Barcelona. Eu estaba no baile do Carme, en Loureda, e no ambiente había certa inquedanza. Esa tarde viran ao Home da Capa polos arredores da igrexa. No campo da festa estaba todo quisque. Os que tiñan chavea para ir a morder non ían, porque iso facíase por tras da igrexa. Os que estaban en idade de fumar o primeiro ducados non ían, porque iso tamén se facía por tras da igrexa, e os que coma mín xogaban ó escondite, non se escondían por tras da igrexa.
"Nenos mirade ben por onde andades, que aínda vos a levar o Home da Capa". E era certo. Desta vez os maiores non falaban do Cocón, ou do chupacabras, seres estranos e asustadeiros, pero que nunca ninguén vira. Pero o Home da Capa, había testigos de que existía...
Daquela, cando a autovía de Carballo (aínda pensabamos que ía ser autovía...) estaba en obras, a xente dos arredores do iglesario de Loureda comenza a notar en falta algunha galiña. Algunhas leiras de patacas e xudias aparecen profanadas en Morás, e non polo xabarín. E o máis sospeitoso: todas as cotovelleiras de Santa Locaia quedaran limpas. Os derradeiros cotovellos de moitos kilómetros á redonda desapareceran dun día para outro.
Isto contoullo a meu cuñado un dos de Allán, que lle chamaban Rogelio, e que andaba cunhas muletas tan grandes que case levaba os pes no aire. Deus o garde, que hai uns anos xa que finou, e era unha persona moi tratible.
-Non é o porco bravo, non. O que fai todo ese mal anda ergueito, e ten os cinco sentidos espertos...
-E non será o Home da Capa? -preguntaba meu cuñado.
-Non oh non... ese é un invento moderno...aínda había de ser Xan da Albarda...
-De quen fala?
-De Xan da Albarda...un foucellas que andaba escapado da lei, polos montes....pero isto xa foi hai tempo...
[...] Xan casara para Fortesende con María do Albardeiro, e aparte da casa, tamén herdou o apodo. A vida non lle ía mal, pero despois da guerra, un chivatazo mal intencionado encomprometiuno, e non tivo máis remedio que marchar da casa e agocharse polos montes.
E foi no ano 42, que entre os racionamentos, e que as colleitas foron malas, todo o pais se viu afectado pola fame. Por este motivo, os cotovellos comenzaron de súpeto a formar parte da dieta dos galegos. Moitos había daquela por Santa Locaia, Vilarchán, Sobico ou a Queixeira. Nas tabernas do Valle chegou a ser tapa de certa sona. A mellor era sen dúbida a tapa de cotovello asado da taberna de Pedro, en Ervedíns. Tamén a raiz disto, se puxera de moda darlle a entrada ao Antroido cunha cazolada de cotovellos con cachelos. E nas hortas das casas de labradores comenzaron a plantarse cotovelleiras entre as maceiras e as pereiras.
Si, si, pero no medio de tanta cotovellada, apareciu un decreto-lei no ano 48 no que se prohibía a caza e captura de todo cotovello vivinte. En realidade, este decreto só serviu para convertir a Xan da Albarda nunha lenda.
Se alguén en Loureda lle entraba o antoxo de cotovellos, non tiña máis que achegarse á Carrancoba con seis reais no peto, a ser posible á veira da noitiña. Do resto xa se encargaba Xan, que entregaba o paxe de cotovellos collidiños no momento, polo módico precio dos seis reais.
Este fuxido nunca volviu á casa, e dende aqueles tempos nos que enchiu de cotovellos clandestinos moitas casas de Loureda, a súa lenda non se perdeu de todo. Aínda hoxe, os novatos buscadores de cotovellos utilizan esta cantiga:
"Cotovello, vente ó rello,
que Xan da Albarda aquí te agarda".[...]
E Rogelio lembrounos todo este retrinco a conta do misterioso Home da Capa....que tamén fuxía....e tamén era cotovelleiro.
Sonche contos.
+ ver máis >>