Pepe Temprano e a Muiñeira de Freán
14/01/2008
Pois a Baiuca ten muiñeira, así é. Pero outras parroquias ou lugares do noso concello ficaron inmortalizados no apelido dunhas cantas composicións musicais. Lañas e Nostián teñen cadansúa Foliada, e Chamín unha Jota. Miguel de Santiago compuxo "A Feira de Paiosaco", e Xosé Casal a Muiñeira de Meicende. Cada unha destas pezas e autores terá tras de sí a súa correspondente historia, pero hoxe tócalle o turno á Pepito Temprano, que foi quen de facela Muiñeira de Freán.
A vinculación deste gaiteiro con Arteixo ven polo lado de Uxes, pois foi mestre de gaita en Queiroa durante uns cantos anos. Tamén penso a partir deste vínculo surxe a Muiñeira de Freán.
A Pepe Temprano córrelle polas veas a cuestión gaiteiril. O seu pai, o seu tío, e o seu avó xa foran gaiteiros de certo prestixio por estes arredores. Tocou co cuarteto familiar ("os Tempranos de Eirís"), en Eidos e no Ballet Rey de Viana. E aínda ten corda. Échevos un tipo de gaiteiro de polaina enteira, que se diría noutros tempos. Non hai máis que ollar para o retrato, para ver certa picaresca no seu ollar. Pepito Temprano exerce hoxendía de fotógrafo, coleccionista de toda caste de instrumentos, pescador e actor. No tan meneado anuncio de Gadis asoman os seus bigotes. El é gaiteiro, e non só por tocar con certa destreza a gaita, senón tamén polo xeito de vivir. Así o di el mesmo: "Fumei moito, bebín moitas tazas, comín moito, toquei a gaita todo o que a podía tocar, e andei moito de carallada. Espero que todos os que traballan sexan tan felices como fun eu na miña vida".
O compositor da Muiñeira de Freán foi reclamado haberá uns trinta anos para protagonizar un spot publicitario de Estrella Galicia. A súa única encomenda consistía en sair en escena co seu traxe de gala, a gaita ó lombo e dándolle un grolo a un quinto. Antes da grabación, Pepito falou co resto dos actores:
-Oíchedes, tómadeo con calma, que se non sae ben á primeira nin á segunda, facémolo máis veces.
Meu dito meu feito. Fixéronse trinta e tres repetións, porque sempre aparecía algunha tos, ou unha palabra cambiada, ou un fallo de iluminación. E algún dos que estaba presente neste anuncio mo dixo a min:
-Parece mentira, Rilo, pero o único que non fallou foi o gaiteiro. E iso que en cada repetición se largou o seu correspondente quinto de cervexa.
A historia do audiovisual galego engadiu un novo vocablo a partir deste feito. Cando unha grabación sae mal e hai que repetila, en honor a Pepito temprano, o director soe dicir:
"Bueno rapaces, imos facer outra TOMA".
Comentarios:
-
1. dame moito gusto poder ver a cara deste home bueno deste gran home , coñecino fai moits anos , deume clase de pandereta e canto no grupo QUEIROA de uxes , teño moitos recordos deses anos , hay moi pouco que decir del pero moi grande , a PEPE TEMPRANO cando pase por diante de un hay que quitarlle o sombreiro,poala sua persona e polo seu traballo . so decirlle uha cousa a pepe temprano foi un pracer coñecerte.
Publicado ANONIMO | 14/01/2008 13:09:19
-
2. O de Lañas é unha jota ou é un maneo? Creo que ten letra e todo...e creo que o cantaran as pandereiteiras de Xiradela con Carlos Núñez coma gaiteiro.
Publicado L_DEL_J | 14/01/2008 13:23:14
-
3. lkjlkhkhjkh
Publicado antroido | 14/01/2008 20:01:03
-
4. Rilo, os teus contos son fermosos e moi ilustrativos, segue a contar, que o fas moi ben ,é un gusto lerte,tanto coma escoitarte tocar a gaita,acordeon, piano ou o que sexa
Publicado unha fan | 16/01/2008 13:09:36
-
5. hola, son de suevos. Sabes se hai algunha música relacionada con este pobo. estou a recoller informacion.
moitas gracias.
Publicado Suevos | 13/02/2008 13:05:33
-
6. RILO GAITEIRO, CONTANOS UN CONTO! PORFAAA
Publicado gaiteiriño | 15/03/2008 13:06:22