"UNHA VIAXE... (IX)
martes, 08 de abril de 2008 12:36
Vexo unha vila grande, estendida entre as dúas estradas, que chega dende As Carballas a Candame e dende A Catuxa ó pé de Subico. Dígolle ó meu primo que vaia amodo, quero atravesa-la Baiuca de punta a punta nas dúas direccións, fixándome e recreándome nunha beira da carretera en cada pasada. Meu primo escoita e vou recitando: este é o chalé, esta é a casa de don José Carballo, esta é a farmacia de Marianela... El asinte coa cabeza e engade algún comentario. Cando chegamos á casa de Quica, pídolle que vire mentres tapo a cara coas mans. Non podo reprimi-las miñas emocións. Paramos uns minutos, o silencio é total.
Tomo novos alentos e imos estrada arriba. Repito o de antes, vou citando unha a unha as casas que me son tan familiares, boto en falta poucas, a Obra, a casa de Rojito, a de Lola a Pepecha. Sinto unha enorme alegría porque pensaba atopar unha Baiuca desfigurada, irrecoñecible, case allea. Para min as fachadas das casas son a cara da Baiuca, os seus rasgos de identidade física. Penso que calquera neno que saíra de aquí hai 60, 70 ou 80 anos atoparía a súa vila case sen cambios.
Para Esqsuío: O próximo luns día 14 estarei ás 17 horas no Centro Cultural de Arteixo.
UNHA VIAXE.. (VIII)
luns, 07 de abril de 2008 11:18
Pídolle face-la viaxe pola estrada vella, que era a ruta que a diario facía "A Superiora" de Arteixo á Coruña. Pareceravos mentira pero recoñezo algunhas casas vellas que xa eran vellas hai 40 anos. Sen embargo, os moitos cambios fanme irrecoñecible a paisaxe. A Choupana paréceme unha costiña de xoguete e faime gracia lembrar o traballo que lle custaba subila ó coche de liña. Baixamos Oseiro e atopo moitos puntos de referencia, pero o Xeixedo é novo para min. Non hai ponte co seu peitoril de pedra, fundindo as dúas carreteras, a nova e a vella, a dos troles e a da Superiora.
Xa estamos no Alto de Arteixo, paramos, baixo do coche. Quero contrasta-la imaxe que gardo coma un tesouro, coa panorámica que tantas veces vin cando voltaba de mercar unha buxaina ou un gramil na casa da señora Rosa. A primeira impresión é impactante. ¡Como medrou Arteixo!
"UNHA VIAXE... (VII)
venres, 04 de abril de 2008 11:15
Son as catro cando un coche para diante de min. Estou na beirarrúa cunha bolsa na man e a maleta no chan. Baixa meu primo e sen palabras fundímonos nun abrazo eterno. Ámbolosdous escoitamos o latexar dos nosos corazóns. Algunhas bágoas escapan sen permiso mentres rimos coma nenos. As palabras esperan o seu momento, neste intre non son precisas, falan os ollos, falan as mans, fala o sorriso.
Subimos ó coche e comenzamos unha conversa atrapallada, chea de preguntas, como se tiveramo-lo tempo tasado. É lóxico, corenta longos anos de silencio dan para facer milleiros de preguntas e resulta imposible enchelos coas respostas duns poucos minutos. Tempo teremos para falar, para preguntar, para responder, para lembrar xuntos o que vivimos xuntos. E nunca mellor dito, porque nacemos e medramos na mesma casa, eu no baixo i el no piso.
"UNHA VIAXE..." (VI)
luns, 31 de marzo de 2008 19:36
A voz dunha rapaza desexándome bo proveito, lémbrame que estou alí sentado para xantar. Tráeme dúas sardiñas asadas que recenden. Pillo o primeiro belisco e sábeme a gloria. Levo os dedos ó naríz e aspiro lentamente. Repito a operación con parsimonia e deleite. Un torrente de sensacións apodéranse de min, disfruto cada bocado e síntome feliz. Mentres como viaxo corenta anos no pasado e vexo o meu pai no patio da nosa casa asando sardiñas un día calquera do verán, á caída da tarde, debaixo do emparrado. Eu estou alí, coma sempre, estribillando cun pau na lata que contén as tripas dos peixes que no próximo fin de semana meu pai empregará coma engado para pescar panchos na Aguieira. Se me porto ben, levarame con el e poderei pillar lorchos e barbadas.
Remato o meu xantar e mentres revolvo o café noto un formiguillo que me sube de pés a cabeza espertando desacougo e interrogantes. ¿Virá meu curmán? ¿Coñecerame? ¿Como atoparei a Baiuca? ¿Viven os amigos e compañeiros de xogos e de escola? Prefiro sair de dúbidas canto antes e chamo por teléfono.
Comentando comentarios:
Esquio, tes parte de razón no que afirmas pero neste caso concreto podo asegurarche que as raices agromaron.
Sioux: claro que a morriña é unha enfermidade que padecen moitos emigrantes e ademáis, oque a padece case nunca a cura. Eu tiña un tío que veu ó cabo de cincoenta anos e un día, na horta da casa, díxome: "sería feliz se me sorprendera a morte estando aquí, pero teño que regresar porque alí teño ós meus fillos , meus netos..."
Morriñento arteixán: Se non recordo mal, na "Miña Baiuca" xa falei da festa das Flores, pero outro día podemos comentar algo máis.
+ ver máis >>