Castellano Galego Lembranzas do Arteixo da miña infancia
Setembro, 4
Estou tenso. Érgome, paseo, séntome. Agardo o momento desexado. Escoito unha voz feminina: "Pasajeros del vuelo 306 don destino a Madrid, tengan la bondad de personarse en la puerta número 7 para efectuar el embarque. Gracias".
Pillo do chan a miña bolsa de viaxe e acudo á chamada. Son un dos primeiros en subir ó avión. Xa estou sentado. Penso nunha morea de cousas. Quédome coa última: vaia faena se agora que conseguín o meu soño, o avión...! ¡Merda! ¡Que cousas se me ocurren! Borro esta idea e pola miña mente desfilan en ringleira lembranzas, caras, camiños, corredoiras, fachadas de casas... Pasan tan axiña que non me quedo con ningunha destas imaxes. Son moi feliz, en poucas horas poderei comprobar se a miña memoria conservou con fidelidade, durante 43 anos, os recordos que na miña infancia quedaron tn profundamente gravados. Pecho os ollos e repaso cantas e cantas veces revivín momento a momento os primeiros anos da miña vida. Estou canso e sen darme conta vénceme o sono.